The Smiths
Mikel Erentxun
– ¿Que tes, Xoanciño? ¿Por que tremes? ¡Fasme cóxegas!A pregunta de Filomena ficou buligando no aire sen pousarse en ningures. Encheu de esperanza aquela habitación, tanta que rebordaba pola fenda da fiestra facendo calar o ouvido do vento. Xoan volveu cinguir a súa muller pola cintura cos seus brazos fornidos, achegoulle os beizos á altura da caluga e despois de prantarlle un bico bisbillotou “¿e como vou ter medo se estou ó carón da muller que eu quero?” Os folgos da vida acadaron un novo brío e o temor a finar esvaeceouse, a lo menos por un intre, ata a vindeira renxedura no cabo da escaleira.
– ¡Seica te espertei? Non teño nada, muller. Teño frío. E moito medo.
– Estás arrefriado por andares medio espido no monte coas ovellas. Non será porque non te avisei. Pero, ¿medo? ¿de que has ter medo, meu valente?
– Pois, ¿de que ha ser, Filomena? Medo dos lobos que axexan nos camiños e nos caliostos. Ti xa me entendes. Debe de ser deso, de andar entre as ovellas e as cabras, que xa me volvín un fracallón coma elas.
– Pois cúbrete dos lobos que van polo gando que os outros xa han de estar fartos de tanta carnaxe.
– Eses nunca se fartan. Nunca se fartan porque non matan por fame. Matan por xenreira, por… ¿que sei eu por que o fan?
– Fano porque teñen un bugallo no peito que non latexa.
– O caso e que non me perdoaría que che fixeran algo pola miña culpa. ¿Como puideches casar cun balladocas coma min que te vai levar á ruina?
– Porque este laricas vaime facer un fillo ben parecido, boíño e espilido coma o seu pai, ¿non si?
– ¡Non sei, non sei, Filomena! Traeren nenés a este mundo para ver o que hai que ver… Se non, mira o que lle pasou ó meu amigo Pepe, o da Gramalleira. Deixa viuva e dous orfos moi fermosos, si, pero que ben cedo van saber das penurias da vida e de vérense apuntados polos furabolos de todos.
– Mellor mo pos, Xoanciño; eses galopíns precisan dalgún compañeiro de xogos. E entón xuntaralos a todos coma se todos foran fillos teus, e contaraslles quen foi o seu pai, que morreu para que eles tiveran un mundo máis xusto e que teñen que sentirse ben orgullosos da semente que os fixo xermolar. ¿E quen mellor ca ti que tamén estás nesa loita? Porque a loita non rematou e a liberdade aínda non chegou. ¿Pero como vai chegar se se extingue a estirpe dos homes bos?